Sol Mariño ~ NÚAS .o nosso estranho amor.
Do 3 ao 29 de Maio, de 17.30 a 20.30.
Inauguración: venres 3 de Maio, ás 20.30.
Este mes de Maio presentamos a exposición NÚAS .nosso estranho amor. de Sol Mariño.
A viagem de Sol é fecunda en imaxes tanto poéticas coma fotográficas. A súa Nikon FM3 é unha compañeira nómada na que aprovisiona un tesouro en branco e negro de imaxes latentes que a química desvela para devolver ós ollos esceas de prata negra que para nós son o regalo dunha vivencia prestada, espertar dun pensamento do corpo. Enfrontar o corpo dende a vivencia, sen que a pel quede pegada no simbólico, na maquinación de ideas, no malfado dialéctico… É o punto de vista ó que nos enfrontan estas imaxes. Non hai nada que nos sexamos fora do corpo. E cando falamos do infindo, nada máis tratamos de mencionar o que non coñecemos, balbuciando.
Quen vistes a exposición Nada me pertence, tudo faz parte de mim, contigua á pulicación do seu poemario As alas da serpe (Aira Editorial) comprobaredes que Sol Mariño segue a súa viagem de feitos, fitos e memoria, e que o seu paso é tan firme coma compartido.
//NÚAS ((nosso estranho amor))
é unha historia de complicidade, un relato a baixa velocidade, pousado na mesiña de noite, da man dun lume pequeno feito con caixas da froita.
Luz incandescente, ou fisuras de luz nas fiestras///
Teiman os corpos
En rabuñar os lindes
ou persistir
Alén da pel
:::
Teimosía
Achégome a falar contigo, como calquer outro día entras no meu cuarto ou sentamos nos entullos
O tempo suficiente para algo acontecer, ou entón esvaecernos e retornar á propia cova, xuntas quizais.
Hoxe levo a cámara na man, Nikon Fm3
Tamén xa nos vimos espidas pola casa, ((non ten hoxe porque ser tan diferente))
abrir unha fenda neste espello, asociar o teu corpo a ti mesma,
que nese rabuño agrome tamén eu
A procura e a identidade apalpandonos
símbolos certeiros e fuxidíos
conservar e rachar os propios tecidos
riscalos con tinta e agulha
precisaba só iso
que toques os meus osos
Apenas encaixan
As escamas das paredes
As palabras da pel
Entre as unllas do animal
Renuncio
A non procurarme
Con tesao/ tesón tenacidade permanencia
Miña irmá
Nosas mans
Todas as certezas que esvaecerán e permanece túa pel no horizonte
Creando até un idioma
A liña dunha tatuaxe que divide meu corpo
recollerei o fume das miñas brasas
deixarei ao clareo a saba coa que envolvo as vísceras dos meus animais subterráneos.
(Sol Mariño).
BIO:
Sol Mariño nace en abril de 1986. Pasa súa infancia entre a terra de Soneira, a Costa da Morte e a Coruña, onde fai os estudos secundarios e comeza a facer teatro. En Barcelona estuda comunicación audiovisual e fotografía, e vincula a súa poesía co teatro no grupo Humanfuzz, co que representa o monólogo Xeada, parte do cal aparece neste poemario.
En 2008 publica fotografías acompañando o poemario “Baixo o sol de Mesina” de Lino Braxe, seu mestre de teatro na adolescencia e con quen continuou colaborando en obras como no “O Paseo das Esfinxes” en 2018.
En 2009 viaxa a Arxentina, e pasará os seguintes sete anos viaxando, idas e voltas en bicicleta e autoestop, entre Arxentina e o Brasil, onde vende seus poemas e fotografías por mercados e rúas, e traballa como “estatua viva”. Alí escribe gran parte de As alas da serpe. Aprende serigrafía, comeza a debuxar e establece un forte vínculo coa Capoeira Angola.
Actualmente vive na Costa da Morte. Traballou como socorrista, taberneira, e impartindo obradorios de Capoeira e conciencia corporal. Adícase á serigrafía téxtil, a fotografía e a pintura mural. Tamén ven sacando dende hai anos un calendario fotográfico que é unha cita cun dos aspectos utilitarios máis coitiáns da fotografía.
En 2023 publica As alas da serpe (Aira, 2023) seu primeiro poemario publicado, a partir a partir do cal xurde unha performance poético-musical, coa súa voz narradora e os instrumentos de Pablo Caamiña (guitarra, zanfona, caixa de música) e Marta Seco (violín e voz).
Sol Mariño_ percorrido en relación coa fotografía_abril 2024
Estudei Comunicación Audiovisual na Pompeu Fabra de Barcelona, e paralelamente na escola de fotografía FotoEspai na mesma cidade.
No 2009 marchei a Bos Aires e quedei morando entre Arxentina e Brasil ate o 2016, cando voltei a Galiza. Levei comigo a Nikon Fm3, a mesma coa que continúo a fotografar.
Vivín bastantes anos dun xeito un pouco nómade, sen domicilio fixo. Viaxei moito en bicicleta e en autoestop. Sempre levei comigo a Nikon. Cando ficaba un tempo nalgures levaba a revelar o carretes. Durante eses anos, e tamén agora en feiras e mercados, vender fotografías polas rúas foi un dos meus xeitos de sustento. Facía postais, imáns…Aprendín serigrafía en Arxentina no Centro Social okupado La Sala, no barrio porteño de Caballito. Cando voltei a Galiza, comecei a usar este medio para fusionar as miñas fotografías e a estampación sobre todo téxtil. Fago camisetas con estampas a partir de fotografías da miña veciña cortando as pacatas, de ristras de allos, das algas que recollo nas rochas…atráenme as cousas máis próximas e pequenas, o que semella tan sinxelo e contiá e contén moitas veces a nosa relación máis íntima co mundo.
No 2017 creei xunto a Marta Galán de Cervexas Aléalé, o Feirón Sen Patrón, unha feira de artes e cultura que celebramos cada nadal no Circo de Artesáns da Coruña, que me sirve tamén de plataforma de venda para as miñas creacións.
Neses anos non conseguía sempre carretes de fotos. Cada disparo debía ser unha escolla ben medida, ou entón unha confianza cega na intuición do meu ollar.
No sur de Brasil vin chover máis aínda do que en Vimianzo, lugar no que pasei a miña infancia. Conto isto porque moitos dos negativos (que adoitaba enviar por correo a lugares máis seguros e secossempre que podía) mofaron e deron lugar a propias e incontralables texturas nas fotografías.
En 2021 publiquei na revita Luzes nº92, un serie de fotografías co nome A man da néboa.
En maio do 2023 fixen a mostra Nada me pertence, tudo faz parte de min na Asociación Alexandre Bóveda na Coruña.
Nese mesmo mes e cun forte vínculo coa mostra fotográfica anterior, publiquei o meu primeiro poemario, As alas da serpe con Aira editorial, acompañado tamén de fotografías.
En febreiro do 24, levamos esta mostra e o recital-musical creado para As alas da serpe, á Asociación Évame Oroza de Vigo.
Este mes de maio, presento no Atelier Fotográfico NÚAS .nosso estranho amor. , un conxunto de fotografías, moitas delas parte desas que mofaron polos carreiros da vida, nas que tezo un relato sobre a complicidade e a procura, a través de retratos, corpos e espazos vitais. O espello no que vía o meu reflexo, o espello que tecín para que as persoas retratadas se ollasen, se atopasen…quizais.
Unha intimidade compartida nunha procura común e teimosa: virvir(se) en liberdade.
(Sol Mariño)